UNHA VIAXE MÍTICA POLA NOSA HISTORIA.

O pasado sábado 31 de marzo atopábame eu na vella terra dos brigantinos. Descansaba sentado a carón da Torre de Breogán, recreando a miña vista no mar celta que se estende fronte ós fisterres atlánticos e buscando acubillo dun implacable sol como o que golpeou a Heracles cando no seu décimo traballo viaxaba cara  á nosa terra cando o vin aparecer. Camiñaba seguro, co paso firme de pau de carballo, co orgullo de quen sabe o que é e cal e´a súa misión nesta vida, coa vestimenta dun heroe da Idade do Bronce que o vento do Atlántico teimaba en facer rebulir como hai 4000 anos fixera co velame das naves dos homes de Ith.   Viña cara a min, era el, non había dúbida. Mil regresara á casa  dende a súa morada inmortal en Tir na Nog, cruzando as augas do Océano e as  tebras do tempo para achegarse ó seu antigo fogar e contar, en primeira persoa e reencarnado no corpo mortal do sublime bardo psicopompo Suso Martínez,  a historia mítica do noso pobo, a historia da Nazón de Breogán. Pero non adiantemos acontecementos, vaimos por partes e contextualicémo-la abraiante visita do noso ilustre devanceiro para poder valora-la importancia da mensaxe que trataba de transmitirnos.

 

O mito é unha narración que usa unha linguaxe simbólica e que alude xeralmente a como se orixinou o mundo, os seres humanos, os animais, a natureza, as crenzas, os ritos e tódolos elementos constituíntes da realidade social e cultural dun pobo determinado. Son relatos pseudo-históricos, lendarios ou épicos, protagonizados normalmente por seres que sobrepasan a condición humana, como son os deuses, os heroes, os monstros, os xigantes, as mouras e moitos dos seres míticos que parecen vinculados ó folclore. Relatos tradicionais que falan da actuación memorable dunhas personaxes extraordinarias, nun tempo nebuloso e afastado. Son historias sagradas, é dicir, relatos que se teñen por verdadeiros en determinados contextos culturais e que plasman problemas recorrentes da condición humana. Son relatos, pois,  que conteñen explicacións e unha profunda simboloxía respecto ós seus temores, ás súas dúbidas, ós seus anhelos e ás súas necesidades existenciais. Por iso incluso os feitos históricos poden servir como mitos se son importantes para unha cultura determinada. E por iso os mitos son responsables de que perduren case inalterables moitas das crenzas dunha comunidade, e poden darnos moita información sobre a súa orde de crenzas. En moitos casos o mito entréganos o coñecemento da vida do home antigo e a interpretación do seu pensamento e das súas accións. Pode ser unha clave que permite reconstruír un pasado sen escritura. A mitoloxía aparece, así, no auxilio de moitas disciplinas que estudan o home, como pode se-la historia ou a antropoloxía. Por esta razón dise que debe merecer igual respecto a relativa inexactitude dun texto mitolóxico, ou relato —engado eu—, que a exactitude relativa dun texto histórico. Esa é a importancia dos mitos, de aí a necesidade de transmitilos, de contalos, de compartilos e de mantelos vivos porque só así se manterá intacto ese delicado fío de Ariadna que comunica o presente co pasado, o que somos co que fomos.

 

Precisamente isto, mitos, lendas, relatos fundacionais e antigas crenzas —todos eles alicerces fundamentais da nosa cultura— foi o que tiveron a sorte de escoita-los numerosos turistas e viaxeiros que gozaron esta Semana Santa das visitas guiadas á Torre de Hércules que organizou o Consorcio de Turismo da Coruña en colaboración coa Asociación de guías oficiais de Galicia. Certamente, foi todo un privilexio seren guiados polo territorio mítico, histórico e relixioso que rodea a Torre de Hércules da man do mesmísimo neto de Breogán: Mil Espane, o conquistador de Irlanda.

Estou seguro de que tódolos que estivemos alí non esquecerémo-la impagable experiencia, e seguramente, e o que é máis importante, eses centos de visitantes chegados a Brigantia dende as catro esquinas do mundo volverán ás súas casas cunha nova idea e un coñecemento real  sobre o que é e o que foi Galicia ó longo do tempo, sobre a importancia que tivo no universo simbólico e mítico do Atlántico celta e, incluso, nas crenzas do mundo mediterráneo. Saberán por fin por que Hércules/Heracles viaxou ata a nosa terra, por que esta costa foi considerada a porta ó Alén, por que os irlandeses se consideran descendentes do galegos, por que Portugal, Asturias, Galicia, Armórica, Illas Británicas e Irlanda pertencen a unha mesma área cultural, e  descubrirán, por fin, o segredo milenario de onde morarán as nosa almas eternas cando as penurias da vida den paso ós praceres da música e do hidromel celestial. Agora, se queren coñecer ese segredo vaian reservando a súa visita.

Rafa Quintía é antropólogo e economista, responsable da area de antropoloxia da SAGA.

 

 

 

 

 

Leave a Reply

Créditos
Deseño e programación: Samuel Martínez
Funciona sobre Wordpress


Close

· Información Legal
Proba Close

© GuiasdeGalicia.com 2011