Un curso dende a Mansión dos Milesios…

 

O vindeiro 18 de febreiro inauguraránse en Compostela as Xornadas de formación “Os santuarios celtas de Galicia”, presentadas pola Secretaria Xeral de Turismo Carmen Pardo e o Presidente da APIT Guillermo Proupín. Durante dous fíns de semana profesionais do sector turístico de Galicia e xentes interesadas no patrimonio celta en xeral mergullaránse nun mundo apaixoante creador de identidade mais tamén xerador de negocio turístico que nos abre e nos liga, nunha inmensa aperta atlántica, có mercado francés, británico e norteamericano. Irlanda, Escocia, Gales, Man, Bretaña, Cornualles agardan pacientemente. Falamos de Libra Esterlina, da potente marca celta en EEUU. Falamos do tráfico de cruceristas nos portos de Vigo, A Coruña, Vilagarcía e Ferrol.

O futuro do turismo en Galicia pasa polo Mundo celta porque neste eido o patrimonio material e inmaterial o é todo, ao igual que todo é o que resta por facer no futuro.

As institucións deben ser valentes e estar dispostas a apostar por un discurso turístico ambicioso que de pasos para adiante de xeito cualitativo abandonando o discurso turístico localista.

Este curso, apoiado pola Administración turística autonómica e o colectivo profesional de guías turísticos é un primeiro paso, mais un histórico primeiro paso, no que se vai apostar por unha liña celtista superando os titubeos de tradicións historiográficas e mesmo mentais tradicionais, negacionistas do feito Celta para Galicia.

No eido do desenrrolo mais avanzado da ciencia e nominalmente da historiografía celtista, seguindo as extraordinarias investigacións realizadas no eido do Instituto Galego de Estudos Celtas (IGEC), o noso paisaxe natural non só é fonte de inspiración, beleza e atracción, senón tamén un lugar sagrado do mundo Celta, e destino de peregrinación de carácter universal neste mundo atlántico. Dito doutro xeito, os promontorios atlánticos occidentais de Galicia deben ser visitados unha vez cando menos por todos aquelas xentes de ambos hemisferios que se sintan atraídas pola Celtic Issue. Esta fascinante e atrevida aseveración descansa en dous grandes polos temáticos que serán analizados moi polo miudo neste curso:

 

1. Galicia, sagrada no contexto dunha relixión celta atlántica internacional. Existiu unha relixión, unha liturxia ligada a unha lingua celta denominada por Eulogio Losada Céltico Antígo Común, que seguramente se forxa no Neolítico e acada esplendor no Período Heroico do Bronce onde o Atlántico se homoxeniza nunha mesma comunidade cultural de estelas con armas de bronce e escudos con escotadura en V e petroglifos e insculturas na rocha. Neste período hai xerarquía social moi marcada, hai grandes señores galaicos de vasallos, hai acumulación de metais e riquezas que amosa o Tesouro de Ponte Caldelas, e hai escritura, denominada de momento tartésica.

Esta relixión é de caracter solar e trinitaria. Un só deus solar identificado como Taranis nas Galias, Dagda na Irlanda, asociado a elevadas cumes en Galicia como Larouco, romanizado logo como Xúpiter; e Tres Pasos diferentes. Son os tres pasos do Sol, simbolismo que se agocha tras os triskeis celtas de Santa Tegra ou San Cibrán de Las.

No Primeiro Paso, é un deus xove, vital, fecundador, branco, brilante, é o Belenos galaico e galo, o encarnado Granus, romanizado en Apolo.

No Segundo Paso, esta solar divinidade é solsticial e decadente, mais guía de ánimas ao Mais Alá, ao Alén. É o Camiñante, o Guía Setanta en Irlanda, Oghmios na Galia, Heracles grego ou Hercules romano. É o Bandua ou Coso galaico, xunto cos seus psicopompicos elementos como guías habilitados hacia o Alén.

No contexto deste Segundo Paso, Galicia é Terra Santa, porque a divinidade solar se deita, morre, ingresa no Alén, situado mais alá do noso mar occidental. Galicia é o Finisterre, a Costa da Morte do Sol. As xentes dende tempo que se perde na memoria da Humanidade veñen en peregrinación por un camiño universal que segue o ronsel do Sol. Este é o camiño que han de seguir os mortos hacia o Alén, figurado como unha Alta Fortaleza mais alá do mar. E este é o camiño que teñen que seguir os vivos para ver o Ocaso, a queste do Santo Grial. Aristóteles dí que existía unha Vía Heraclea até o confín occidental, chamada así por ser este o camiño seguido por Heracles sobre a nave ou kálix do Sol até a Terra Vermella para dar morte a Xerión e roubarlle o seu gando no contexto do seu Décimo Traballo.

No Terceiro Paso, esta divinidade aparece como no célebre caldeiro celta de Gundestrup, o Cernunus galo ou o Donn  galaico e irlandés, con unha cornamenta como atributos divinos e o cerimonial torques como o de Burela. Este é agora un deus serio e Xuíz que decide o paso das ánimas ao Alén ou aos abismos. Este deus cornudo é o centinela, o hospedeiro do paraíso. É esta a explicación ao santuario ao aire libre celta mais importante de Europa, situado fronte ás Illas Cíes, figuración do Paraíso, o Facho de Donón, coas suas estelas adicadas ao Deo Lar Berobreo, ao deus guía da Elevada Fortaleza, o Alén, a Illa dos Benaventurados. É esta a explicación do maravilloso Vestio Alonieco de Lourizán, literalmente o Hospederiro do Alén, fronte á Illa de Tambo, outra figuración da Illa do Alén. Ésta é a explicación do santuario milenario de Teixido, situado fronte á Illa da Barca. Donn, o Escuro, profetizou como Hospedeiro do Alén que é, que “á miña Casa teredes que vir despois da morte”, e isto seguese a cumplir na inmortal tradición de ir de morto se non se foi en vida. Ésta é a explicación do misterio da rocha da Igrexa Vella da praia do paradiso de Bares, chegada da milenaria ruta megalítica dos arrieiros, situada fronte a Illa da Coelleira, outra figuración da Elevada Fortaleza.

 

2. Galicia, berce dos celtas. O extraordinario patrimonio inmaterial que nos ofrece o ciclo lendario irlandés medieval, realizado por monxes no século XII a xeito dun Mester de Clerecía irlandés, indica que o proxenitor dos celtas Breogán descubre dende o alto da súa torre unha liña verde que ordea explorar ao seu fillo Ith. Éste será morto polos habitantes da illa anteriores aos celtas, a treba ou pobo dos Danans. Como vinganza a tal afrenta, o sobriño de Ith, Mil, decidirá conquistar a illa, que colonizará soa súa descendencia, os Milesios. A liñaxe celta deriva de Mil Espane, o galaico, que levaría con él a Pedra de Soberanía ou Pedra do Destino sobre a cal se coroan os coronos, princeps ou reis celtas, tal e como se amosa no extraordinario cadeirado do Salón de Plenos do Pazo de María Pita na Coruña. Esta pedra existe e é a que custodia o Castelo de Edimburgo (Escocia) có compromiso de ser desplazada á Abadía de Westminster en Londres para as cerimonias de coroación dos reis de Inglaterra.

Poi ben, a milenaria memoria que se transmitiu de xeración en xeración, indica que a torre de Breogán, mansión dos Milesios, é a Torre de Brigantia, a Torre de Hércules Patrimonio da Humanidade coruñesa. Así se creía na Idade Media na Iberia, pois o rei sabio Afonso X así o recolle na súa General Hestoria, e así se creía na Irlanda na Idade Moderna. A confirmación producese cando comenzan a arribar ao porto da Coruña os líderes irlandeses exiliados da súa terra ocupada polos ingleses a comenzos do XVII. Son os derradeiros celtas históricos falantes de gaélico. É o vó dos condes, o Earl´s flight. Red High O´Donell e Donald Cam O´Sullivan emociónanse na súa visita á,  arruinada naquela altura, Torre de Breogán, berce dos seus devanceiros xa que as liñaxes irlandesas remontan a Mil Espane á sua ascendencia. A pesares de que estas visitas á Torre son lendas de carácter oral, esto confírmase có irrefutable aserto que atopamos no testamento do bispo exiliado irlandés Edmund O´Dempsey, que falece na “Mansión dos Milesios”.

Un fascinante mundo material e inmaterial que conecta as nosas mais fondas raíces coas raíces da Europa atlántica. É o noso fogar común, futuro de seguro da historiografía e do gran turismo en Galicia, auténtica terra santa dos celtas.

Na xornada das palestras o catedrático da USC Juan Jose Moralejo falaranos da celticidade de Galicia no eido da lingüística, o arqueólogo decano do IGEC André Pena Graña falaranos da Internacional Celtic Common Law e institucións pancelticas, e Blanca García Fernández-Albalat disertará sobre a relixiosidade e xénese dos santuarios celtas. O etnógrafo Carlos Solla concienciaranos acerca da necesidade da conservación deste patrimonio e eu mesmo terei a grande honra de propor un itinerario turístico de carácter universal en Galicia para o público celta. Fiel á intención proactiva e xeradora de negocio que ten que ter a APIT, fecharemos o acto cun debate con empresarios acerca da rendabilidade empresarial da marca celta para Galicia.

Esta teoría acompañarase con tres saídas ou excursións para interpretar sobre o terreo o tratado na xornada teórica e coñecer o patrimonio material.

A que este mundo é fascinante, tan atractivo como unha insuperable telúrica forza que nos empuxa a cruzar a Portalén da Montaña Máxica do Seixo en Cercdedo e adentrarnos no Mais Alá?

Programa e información do curso na en www.guiasdegalicia.com

Leave a Reply

Créditos
Deseño e programación: Samuel Martínez
Funciona sobre Wordpress


Close

· Información Legal
Proba Close

© GuiasdeGalicia.com 2011